TRAXECTORIA
A Chintofanería, comezou sendo un proxecto artesanal baseado no xogo e o respeto pola natureza. Paralelamente traballamos en distintas empresas de animación sociocultural e servicios de ocio para a infancia, quedando queimadas das condicións laborais e desencantadas cos contidos e as metodoloxías utilizadas. Coa chegada da nosa filla, e ante a urxencia dun cambio de paradigma no eido da animación dirixida á infancia, quixemos ir un pouquiño máis alá, e comezamos a realizar actividades en distintas entidades que nolo solicitaron, unindo así as nosas inquedanzas (educación, xogo, natureza e arte) e facendo medrar o proxecto, continuando coa evolución lóxica de A Chintofanería.
Somos conscientes, por un lado, da necesidade das familias de atopar novas fórmulas de conciliación da vida laboral e familiar, pero tamén sabemos, por experiencia, da excesiva programación á que están sometidas as crianzas no seu día a día. Por eso, dende A Chintofanería, queremos ampliar esta oferta lúdica, priorizando as necesidades das cativas, ofrecendo espazos e actividades menos dirixidas, transmisoras de valores, baseadas en relacións de confianza que teñan en conta as emocións, nas que se respeten os ritmos e os intereses reais e naturais, onde o camiño percorrido sexa máis importante que a meta por alcanzar.
EQUIPO
Sara Seijas
acompañante e artesá
Animadora sociocultural con formación Pickler, Montessori, Reggio Emilia, Educación na natureza; artesá e restauradora.
Manuel Taboada
artesán xogueteiro
Artesán xogueteiro, animador sociocultural con estudos de educación social.